jueves, 26 de febrero de 2015

Visita a Sogama

O 24 de Febreiro os membros do proxecto Reciclamos separando e algúns alumnos do IES Pedra da Aguia fomos a Sogama, unha das principais plantas de xestión e tratamento dos residuos urbanos de Galiza. Ao chegar á planta e baixar do bus, percibimos un olor moi forte procedente dos tratamentos e a cantidade de lixo de Sogama. O que máis destacaba da planta eran as tres chimeneas, dúas medianas polas que saía unha grande cantidade de vapor da auga (que utilizaban para secar o lixo) e outra moi grande de cemento pola que saía un pouco fume (para queimar os residuos que non servían), tamén vimos un acceso á planta para o tren que traía o lixo. Ao entrar, fomos directos a un edificio de oficinas logo de pasar polo control da entrada. Neste edificio estivemos vendo unha maqueta de toda a planta e déronnos unha charla sobre o funcionamento de Sogama, fixéronnos unhas preguntas sobre o que reciclábamos na casa e ao rematar, preparáronnos para ir ás instalacións de tratamento do lixo e puxéronnos un chaleco reflectante, unha mascarilla e un casco.
Ao chegar ás propias instalacións de reciclaxe, dividíronnos en dous grupos.
  1. Primeiro fomos ao lugar onde descargaban os camións do lixo.
  2. Ao acabar fomos ao recinto de carga e descarga do lixo, no que estaba un camión cargando o lixo.
  3. Despois ao entrar nunha das naves, fomos a unhas habitacións dentro da propia nave nas que un grupo de operadoras estaban separando os distintos envases de plástico en diversos túneles.
  4. Logo fomos aos "foxos", que consistían nun espazo xigante onde depositaban o lixo que xa non servía para reciclar, alí era onde o tren descargaba os residuos que traía. Era o lugar onde máis"cheiraba" de todos.                                                                                                                 Despois volvemos ao bus e demos un "tour" polas instalacións que nos quedaban:
  5. En primeiro lugar, mostráronnos como pesan os camións que chegan das distintas ecoplantas, procedentes dos diferentes concellos, para saber a cantidade de residuos que achegan en cada caso.
  6. Vimos que as escouras remanentes as levan a unha explanada ao lado da planta onde se van acumulando.
  7. Fomos a outra explanada situada ao lado da mencionada anteriormente na que había bolsas das cinzas resultantes da queima de residuos, que estaban envoltas nun plástico e que as ían cubrindo con terra.
  8. Tamén nos ensinaron unha "piscina" na que estaban os líquidos producidos pola fábrica.
  9. Logo vimos a xingantesca cheminea de cemento pola que saían os fumes que producía a planta ao queimar o lixo.
  10. Despois fomos a unha pequena central de electricidade dentro de Sogama que producía corrente eléctrica a partir dos residuos.
  11. Finalmente volvemos a oficina onde nos deron uns agasallos, e quitámonos a roupa de protección.